Todo está listo en Foz para a II Festa Vintage, que se celebrará o 27 de xuño. Haberá mercadiño, tapas e menús da época e ofertas especiais no comercio.

Todo está listo en Foz para a II Festa Vintage, que se celebrará o 27 de xuño. Haberá mercadiño, tapas e menús da época e ofertas especiais no comercio.
 
Unha parte da avenida da Mariña, de Foz, estará cortada ao tráfico o día 27 deste mes, sábado, para acoller diversas actividades da segunda Festa Vintage, que foi presentada hoxe diante da Casa do Concello. O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anima a participar neste evento e destaca o traballo dos responsables do Centro Comercial Aberto, que conta coa colaboración do Concello para a organización deste festexo.
O rexedor municipal explicou que “dende o Concello estamos contentos de que se organice a segunda Festa Vintage, que hoxe vimos de presentar co presidente da Acia e cos responsables do Centro Comercial Aberto de Foz. Esta idea dos comerciantes levouse a cabo por primeira vez o ano pasado e nesta edición vai haber certas novidades interesantes, sobre todo para o sábado 27 de xuño, no que se cortará a tráfico parte da avenida da Mariña, que practicamente é a zona máis comercial do noso concello. Nela, aparte de poder degustar as diferentes tapas e menús vintage e comprar nese rastrillo e mercado vintage, con descontos no comercio, tamén os nenos poderán gozar dunha zona infantil mentres que os pais fan as compras tranquilamente, porque haberá monitores para os rapaces e a rúa estará libre de vehículos . É un avance do que podería ser esta avenida nun momento dado, cando se humanice e se fagan actuacións para mellorar sobre todo a parte comercial desta rúa”.
Javier Castiñeira engadiu que “a Festa Vintaxe é unha actividade máis do Centro Comercial Aberto de Foz, que está funcionando moi ben no seu primeiro ano. Volveremos ao Foz dos anos 20, esperemos que todo o mundo ese día aproveite para engalanarse e se contaxie dese pasado dos anos 20, dos que aínda quedan recordos tamén precisamente nesa rúa, que é unha das principais de Foz. Pero en xeral a festa será en toda a vila, porque participan moitos establecementos e locais de todo o Centro Comercial Aberto. Moita sorte a todos eles e parabéns á Acia por esta actividade, por esta idea, e espero que sexa un grande éxito”.
O alcalde rematou comentando que “o Concello, evidentemente, está aí sempre para colaborar, en parte do financiamento das actividades pero tamén na infraestrutura e en todo o que sexa organización, porque o Concello ten moito que agradecerlle á Acia e ao Centro Comercial Aberto por promover o comercio de Foz”.
 
O retorno aos anos 20 enmárcase dentro das actividades, que cada mes programa o Centro Comercial Aberto, co obxectivo de promocionar o seu comercio e a súa hostalería e para ofrecer alternativas atractivas aos veciños e visitantes.
Do 26 ao 28 de xuño coa Lei Seca varios locais hostaleiros ofrecerán menús e tapas vintage. Son: A Funcional, A Maseira, A Rula, Asoalta, A Viela, Bar 78, Anduriña, Dandy, Xoyma, Portovello, Marexada, O Lar, O Náutico, O Tangarte Mariñeiro, O Tangarte e Fina. 
E os días 26 e 27 os clientes do comercio focense poderán beneficiarse de ofertas importantes. Ademais a avenida da Mariña, estará cortada ao tráfico rodado, o sábado, para acoller as actividades organizadas para os nenos e as nenas que acudan xunto aos seus pais á II Festa Vintage. Os rapaces estarán acompañados por monitores de animación. O mesmo 27 en Álvaro Cunqueiro haberá un mercadiño. 
Desde a directiva do Centro Comercial Aberto explican que “ao longo do ano faremos máis actividades na avenida da Mariña para coñecer de primeira man os pros e os contras que pode implicar a semi peatonalización desta rúa. Queremos recoller cantos máis datos mellor sobre o que pode supoñer esa medida para o comercio da zona. Tamén faremos actividades en Álvaro Cunqueiro para coñecer con experiencias reais cómo pode funcionar todo isto”. 
Os responsables do Centro Comercial Aberto animan “a focenses, visitantes e a toda a comarca a coller os seus traxes e os seus vestidos e a viaxar por un día  á década dos anos 20, a principios del pasado século XX”.