Un total de 60 equipos e arredor de 3.000 persoas chegarán a Ribadeo durante as vindeiras tres fins de semana para participar nos torneos de fútbol base organizados pola SD Ribadeo. Os eventos foron presentados esta mañá no salón de plenos do Concello. O primeiro en disputarse será o VIII de Fútbol Infantil os días 6 e 7 de xuño no estadio Pepe Barrera. Seguirá os días 13 e 14 de xuño co XII Torneo SD Ribadeo nas categorías benxamín e pre benxamín e os días 20 e 21 de xuño nas categorías alevín e mini prebenxamín.
O concelleiro de Deportes en funcións, Vicente Castro, dixo que “como en anos anteriores, e xa van 12, a SD Ribadeo en colaboración co Concello e coa Deputación Provincial, organiza os torneos internacionais de fútbol base. O que empezou como uns torneos modestos acabou por converterse en torneos internacionais que abarcan a equipos de outras nacións lindantes coa nosa”.
O edil nacionalista explicou que “nós vimos encadrando xa dende hai anos estes torneos dentro do que chamamos o turismo deportivo. Aparte do que significa para os rapaces e para os distintos equipos ter un torneo de nivel internacional que permita competir, aínda que moitos xa se coñecen, e relacionarse a equipos de todo España e de Portugal, tamén ten un importante sentido turístico. Estes torneos traen a Ribadeo nos tres vindeiros fins de semana unha media de mil persoas por fin de semana. Isto é importantísimo dende o punto de vista económico para Ribadeo, aparte do deportivo. Traer xente nunha tempada que é media baixa para a hostalería de Ribadeo é un punto importante, así como outros torneos que se organizan”.
Castro agradeceu “á SD Ribadeo polo seu empeño en seguir con estes torneos, que Ribadeo siga sendo un referente non só na comarca senón a nivel galego na organización de torneos de fútbol base, o que ten a Ribadeo posto no mapa xa dende hai anos. Animar á SD a que siga nesta liña, na potenciación do fútbol base, que encadra tamén dentro da política deportiva deste Concello, que potencia e avala o deporte base. Convidamos a seguir collidos da man para o futuro deportivo no que ao fútbol se refire, neste caso”.
A secretaria da SD Ribadeo, Goretti Recio, relatou que “contamos para estes tres torneos cuns 60 equipos en total. Todos son oficiais, están dados de alta na Federación Galega e contamos con árbitros federados para todos os partidos. O torneo deste fin de semana, o do 6 e 7 de xuño, é o infantil, para nenos nacidos nos anos 2001 ou 2002. Participarán equipos de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia. Comezaremos o sábado ás 10 da mañá coa fase de grupos e estaremos ata as 7 da tarde, que será cando remate. E o domingo teremos os cuartos de final, faremos tamén os postos do 9 ao 12 para que todos os equipos teñan opción de xogar non só dous partidos, senón que se vaian de aquí xogando un partido máis. Despois teremos os cruces de semifinais e antes da final teremos un partido amigable dos prebenxamíns para que gocen con eles todos os asistentes. A final será o domingo ás 18:45 horas e despois a entrega de medallas e trofeos coa asistencia das autoridades do Concello”.
Recio indicou que “o seguinte torneo que temos será o fin de semana do 13 e 14 de xuño e facémolo conxunto de prebenxamín e benxamín. Os primeiros son nenos nados no 2007 ou 2008 e os benxamíns, no 2005 ou 2006. Contaremos con 12 equipos de cada categoría. Son de Asturias, haberá un equipo portugués este ano e de Galicia. A fase de grupos realizarémola o sábado, cando comezaremos sobre as 10 e media da mañá ata as 9 da tarde, xa que o sábado faremos fase de grupos benxamín e prebenxamín e tamén teremos en prebenxamín a fase de cuartos, semifinais e final; e darémoslles as medallas aos prebenxamíns coa asistencia tamén das autoridades do Concello. E para o domingo quedaríanos a fase de cuartos, semifinais e finais de categoría benxamín. O domingo empezaremos sobre as 10 da mañá e remataremos coa entrega de premios ás 3 da tarde”.
E engadiu que “o terceiro fin de semana de xuño, o do 20 e o 21, teremos o torneo alevín e miniprebenxamín. Os alevíns son nenos nados nos anos 2003 ou 2004 e os da cada categoría miniprebenxamín son os nados a partir do 2009. En alevín contaremos cuns 20 equipos e en miniprebenxamíns cuns 5 equipos, xa que ao ser máis pequeniños é máis difícil xuntar equipos, pero vannos dar xogo. Tamén teremos equipos de Galicia, Asturias, Castela-León e este ano contamos ademais cun equipo extremeño por primeira vez neste torneo, polo que estamos moi orgullosos. En categoría alevín empezaremos o sábado sobre as 11 da mañá, con fase de grupos, e estaríamos ata as 9 da tarde. E o domingo comezaremos sobre as 10 da mañá, seguiremos con fase de grupos e cuartos. Ás 2 da tarde empezarán os miniprebenxamíns e despois faremos as semifinais e as finais, rematando sobre as 6 da tarde. Despois será a entrega das medallas e dos trofeos coa presenza tamén das autoridades do Concello”.
Os torneos de fútbol base da SD Ribadeo foron presentados esta mañá no salón de plenos do Concello. No acto participaron ademais membros do club deportivo organizador e o técnico de Deportes, Iván López.