Dentro da programación cultural organizada polo Concello, Foz acollerá mañá, xoves, unha nova proxección do ciclo Cinema no Cenima e o venres comeza a terceira edición do Festival de Voces Xóvenes A Capela.
O concelleiro de Cultura, Ánxel Paleo Soto, explicou hoxe que “mañá, xoves, día 14, haberá Cinema no Cenima ás oito e media da tarde coa película Os fenómenos. O despacho das entradas estará aberto a partir das oito e o prezo será de 3 euros”.
Ánxel Paleo engadiu que “o venres, día 15, dará comezo na Sala Bahía o terceiro Festival de Voces Xóvenes A Capela, que cada ano intentamos realizalo con novos grupos e coros e nesta ocasión contaremos con cinco concertos, todos eles na Sala Bahía a partir das 8 e media da tarde e con entrada gratuíta. Abrirá o festival o Coro da Escola Municipal de Música de Foz este venres; e o próximo, 22 de maio, á mesma hora actuará o coro do colexio Lois Tobío, de Viveiro; o sábado 23 estará en concerto do dúo PiaCell, con Xavier Doural García e Ana Represas Catalán; o venres 29 actuará o coro Los peques de León de Oro, de Luanco; e o venres 4 de xuño estará o coro do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro”.
O concelleiro de Cultura focense rematou invitando “a todos os veciños a que se acerquen á Sala Bahía e que se gocen deste amplo cartel que dalgún xeito é un agradecemento a todos estes rapaces polo traballo diario que fan para o deleite de todos os espectadores”.