Airiños do Xunco, Fervenza de Sargadelos e Concello de Cervo presentaron a festa de exaltación da carne de porco e a foliada que terán lugar este sábado, 2 de maio.

Airiños do Xunco, Fervenza de Sargadelos e Concello de Cervo presentaron a festa de exaltación da carne de porco e a foliada que terán lugar este sábado, 2 de maio.
 
As asociacións Airiños do Xunco e Fervenza de Sargadelos, coa colaboración do Concello, poñen en marcha este sábado 2 de maio un conxunto de actividades gastronómicas e musicais ao longo de todo o día. 
O alcalde, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Begoña Alonso, o presidente de Airiños do Xunco, Rafa Blas, o de Fervenza de Sargadelos, Xosé Fernández e outros membros das entidades deron a coñecer o cartel e o programa da IX Festa Exaltación da Carne de Porco e I Foliada que se celebrará na praza do Souto de Cervo. 
As actividades comezan ás 12 h. cunha Master class infantil de pandeireta e canto. Ás 13 horas será o momento da sesión vermú co grupo de gaitas de Airiños do Xunco. De forma paralela, nos bares e restaurantes participantes poderanse degustar diferentes especialidades de carne de porco. 
Así, no Bar de Figuerido ofrecerán morro ao caldeiro e carrilleiras estufadas; no Bar O Zoco raxo con setas e empanada de liscos; no Caseto de Copa servirán lacón guisado e callos; mentres no Almacén haberá manitas á vinagreta e albóndegas estilo Almacén. 
Pola tarde continúan as actividades coas clases de iniciación a baile e instrumentos tradicionais (18 h.). A exaltación da costela de porco arrincará ás 20 h. e as racións incluirán costela, chourizo, pan, viño e cazola por un módico prezo. 
A festa continúa ás 21:30 h. coa Foliada, na que participan Ao Son do Sor (O Barqueiro), Cantareiras A Arracada. (Burela), Airiños do Xunco (Cervo), A Reboulaxe (San Ciprián) e Ledicia (Burela). Despois das 00.00 horas haberá queimada popular con Nando Blas (Queimador Maior de Galicia).