O vindeiro sábado, 18 de abril, os mariñaos terán a oportunidade de coñecer máis datos arredor do mosteiro de San Miguel da Coelleira e tamén da vila asulagada de Estabañón. Serán Manuel Gago, xornalista cultural e profesor da USC, xunto co presidente da asociación sociocultural MariñaPatrimonio, Manuel Miranda, os protagonistas da tertulia convocada polo colectivo viveirés Pensamento e Sementeira, que se desenvolverá , desde as sete da tarde, na sala da planta baixa da Biblioteca Municipal de Viveiro.
Segundo explican desde o colectivo organizador "recentemente Manuel Miranda tense preocupado sobre o futuro dos restos en Area-Faro e fixo pública a situación de precariedade na que se atopa este sitio arqueolóxico polo que, para o colectivo organizador desta tertulia, é a persoa indicada para informar arredor da historia da vila asulagada de Estabañón".
E engaden: "Manuel Gago, despois da súa última visita á Coelleira, escribiu que esta illa “é unha das grandes fábricas de lendas de Galiza” sobre a que teñen escrito varios eruditos locais. Moitos mariñaos coñecen a lenda que fala do seu mosteiro templario. Aínda que entre o primeiro documento que se conserva do 1095 e os que volven aparecer, xa no XV, hai un lapso misterioso de trescentos anos—di Gago—nos que non hain nin rastro da historia do Monteiro de San Miguel. Na útima visita que Manuel Gago e Manuel Miranda de MariñaPatrimonio fixeron á Coelleira puideron comprobar que o mosteiro, “lonxe de ser un mito, existe, e segue en certo xeito en pé, mergullado en fieitos".
A proxección das imaxes sobre os vestixios do mosteiro de San Miguel e tamén as dos restos descubertos polas últimas vagas de mar en Area, servirán para completar esta tertulia á que o colectivo organizador convida a participar.