O auditorio municipal Hernán Naval acollerá a representación de Pequenos actospPseudorrevolucionarios, que non serven para cambiar o mundo, pero fan que quedemos máis tranquilos.
Esta proposta nos premios María Casares 2013 obtivo o de mellor actriz protagonista Marián Bañobre e mellor texto orixinal para Santiago Cortegoso. Unha comedia aceda e absurda sobre as nosas “revolucións particulares”.
Desde este Movemento Escénico sinalan que “é evidente que nos enganan e nos manipulan. Só interesamos como consumidores ou como votantes, que é o mesmo. ¿Como podemos cambiar esta situación? Pasando á acción. Tomando a revancha pola nosa conta. Non seremos quen de darlle a volta ao sistema, pero podemos darnos pequenos caprichos. Como? Levando a cabo: Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo pero fan que quedemos máis tranquilos”.
Trátase “dun espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva, a partir de dous personaxes que deciden emprender accións de protesta de xeito privado e individual para manifestar o seu desacordo con institucións públicas e privadas ante as cales non atopan outro medio de manifestarse, aínda que con estas iniciativas non vaian solucionar nada”.
A representación será este domingo, 5 de abril, ás 20:30 horas no auditorio municipal de Ribadeo. O prezo da entrada xeral é de 4 euros. E haberá un prezo reducido para persoas desempregadas, estudantes ou xubiladas: 2 euros.