O Pazo de Tovar será escenario este sábado, 28 de marzo, de varias actividades para celebrar o primeiro aniversario da súa apertura despois da restauración.

O Pazo de Tovar será escenario este sábado, 28 de marzo, de varias actividades para celebrar o primeiro aniversario da súa apertura despois da restauración.
 
A alcaldesa de Lourenzá, Emma Álvarez Chao, deu a coñecer esta mañá as actividades programadas o vindeiro sábado para celebrar o primeiro aniversario da apertura do Pazo de Tovar tras a súa restauración. Haberá un concerto de cantigas de amigo, acceso gratuíto ese día pola tarde ás instalacións e inauguraranse dúas exposicións. 
A rexedora explicou que “o vindeiro sábado, 28 de marzo, cúmprense un ano dende que a Fortaleza de Tovar abriu as súas portas nun conxunto para que todos os visitantes, foráneos e tamén veciños do concello, puideran coñecer esta xoia arquitectónica que temos e que é única na Mariña de Lugo. Hai que ter en conta que é un pazo do século XVI que ten un aire castelán e polo tanto é un pazo diferente aos que estamos acostumados a ver na nosa xeografía”.
Álvarez contou que “para celebrar este ano de traxectoria organizamos un pequeno acto, no que contaremos cun concerto do grupo de música Antiga Meendinho, de Santiago, que ofrecerá E moiro-me d’amor, cantigas de desexo e soidade, cantigas de amigo dos séculos XIII e XIV, algo moi apropiado para escoitar nun entorno como é o Pazo de Tovar. A xente que se acerque ao Pazo de Tovar o sábado á tarde terá unha xornada de portas abertas, é dicir que o acceso será gratuíto para que poidan visitar a fortaleza e tamén o centro de interpretación da vida pacega en Galicia”. E engadiu: “por outro lado, hai dúas exposicións, inaugurarase A natureza feita arte, que é unha exposición do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo composta por cerámica, cestería e traxes rexionais. Tamén ese mesmo día se inaugura outra exposición que se chama Encadrados, que está composta por pintura e fotografía de artistas mariñáns. Esta mostra está organizada pola asociación Tovar e Pimentel, da que forma parte a Fortaleza de Tovar”. 
A alcaldesa laurentina rematou con esperanza de que “este día de lecer que imos pasar no Pazo de Tovar sexa do agrado de todos os visitantes e animamos aos veciños e veciñas de Lourenzá e á xente que poida estar pola Mariña a que se acerquen e gocen destas cantigas de amigo, moi apropiadas para escoitar nun entorno único, como é o Pazo de Tovar”.