O grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, representará "Oé, oé, oé" este venres, 20 de marzo, en Lugo.

O grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, representará "Oé, oé, oé" este venres, 20 de marzo, en Lugo.
 
“Oé, Oé, Oé”, a obra de teatro escrita por Maxi Rodríguez, foi a escollida para ser a segunda peza que representará o grupo de teatro do Colectivo Cultural Ollomao de Barreiros no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, despois do éxito acadado o pasado ano coa súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”, que xuntou a máis de 400 persoas no Gustavo Freire e máis de 3.000 persoas no seu periplo escénico por toda Galiza.  
Ollomao achega a Lugo “Oé, Oé, Oé” despois dunha xira con esta obra por varios concellos da Mariña durante o último ano. Esta montaxe tenta facer reflexionar ao espectador sobre a paixón futbolística como escusa para desviar a nosa atención da crise e demais problemas que nos afectan como sociedade.
Esta obra, estreada en Asturias no ano 1994 percorreu gran parte da xeografía española e foi traducida ao galego por Roberto Vidal Bolaño e representada polo grupo “Teatro do Aquí” no que supuxo un dos maiores éxitos de público do teatro galego. Tamén foi estreada con grande éxito en Portugal, distintos países iberoamericanos e, recentemente, en Grecia. Nesta ocasión, o grupo de teatro de Ollomao parte do orixinal de Maxi Rodríguez para traducilo, adaptalo e actualizalo. Como di Jorge Valdano no prólogo da obra;  "Oé, oé, oé!" convida co seu título a un xúbilo mentireiro; a obra enteira está salpicada dun humor que de entrada fai cóxegas pero de saída rabuña.
A entrada custará 3 euros
A representación no auditorio lugués será o venres 20 de marzo ás 8 da tarde. A entrada a este espectáculo tén un prezo de 3 €, recadación que o Colectivo Cultural Ollomao destina ao mantemento e cobertura dos gastos do grupo de teatro. As entradas estarán dispoñibles o mesmo día da función na taquilla do propio auditorio desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
O grupo de teatro de Ollomao comezou a súa andaina a comezos do 2013 chegando a facer ata 12 funcións da súa primeira obra “Os vellos non deben de namorarse”. Un ano despois, o pavillón de San Miguel de Reinante, en Barreiros, volvía converterse nun auditorio para acoller a primeira representación de “Oé, Oé, Oé”, que chega agora a Lugo.