O vindeiro domingo, 22 de febreiro, será o día grande do Entroido en Lourenzá co tradicional desfile de piñata, no que se repartirán 4.000 euros en premios. O evento foi presentado esta mañá pola alcaldesa e por representantes de Acial.

O vindeiro domingo, 22 de febreiro, será o día grande do Entroido en Lourenzá co tradicional desfile de piñata, no que se repartirán 4.000 euros en premios. O evento foi presentado esta mañá pola alcaldesa e por representantes de Acial.
 
O vindeiro domingo, día 22, será o día grande do Entroido 2015 en Lourenzá coa celebración do tradicional desfile de Piñata, no que se repartirán 4.000 euros en premios. O evento foi presentado hoxe pola alcaldesa, Emma Álvarez Chao, e representantes da xunta directiva da asociación de comerciantes, industriais e autónomos de Lourenzá (ACIAL).
A rexedora municipal explicou que “o desfile, como nos anos anteriores, está organizado pola asociación de comerciantes de Lourenzá e polo Concello. Repartiranse 4.000 euros en premios, dos que 2.000 son aportados polo Concello e os 2.000 restantes pola asociación de comerciantes. Os premios divídense entre infantís, adultos, charangas e comparsas. Son 1.190 euros para os nenos, 1.325 para adultos, 600 para charangas e 750 para comparsas. A maiores haberá un premio ao máis chistoso, que será de 50 euros. As persoas que veñan a participar neste desfile deberán inscribirse de 12 a 15 horas no recinto feiral, de onde se sairá ás 16 horas. A entrega de premios será sobre as 20 horas e estará amenizada polo dúo Diamantes. As bases estarán expostas na páxina web do Concello e tamén no facebook da asociación de comerciantes”.
Emma Álvarez fai unha petición aos que visiten Lourenzá o domingo: “que por favor respecten as sinais, sobre todo de prohibido aparcar, posto que o noso concello é bastante pequeno para a afluencia de público que temos este día. Polo tanto temos que ser moi previsores e estar moi ben organizados para que non haxa embotellamentos e atascos que afecten ao desfile ou ao tráfico de coches e camións que teñen que pasar por Lourenzá. O tráfico estará desviado polo que nós lle chamamos a ruta do colesterol, que é a circunvalación que rodea a vila”.
A alcaldesa rematou dando as grazas a Protección Civil de Lourenzá, Mondoñedo e A Fonsagrada, que “virán axudarnos para que este desfile poida discorrer con normalidade”.