No décimo aniversario do pasamento do debuxante Suso Peña unha veintena de artistas mariñáns renderanlle homenaxe cunha exposición en Ribadeo. Poderase ver do 14 ao 28 de febreiro na OMIC.

No décimo aniversario do pasamento do debuxante Suso Peña unha veintena de artistas mariñáns renderanlle homenaxe cunha exposición en Ribadeo. Poderase ver do 14 ao 28 de febreiro na OMIC.
 
O vindeiro 14 de febreiro ás 18 horas será inaugurada na OMIC unha exposición en homenaxe ao debuxante ribadense Suso Peña. Está organizada por varios artistas da Mariña e conta coa colaboración Concello. 
O artista barreirense Celso Dourado explica que“isto xurdiu a raíz de que se cumpre o décimo aniversario da morte de Suso Peña. Co gaio desta efeméride xuntámonos un grupo de artistas e de amigos que convivimos e aprendemos con Suso para dalgunha maneira manter a súa memoria. Hai unha media de 17 ou 18 artistas que nos imos xuntar para renderlle esta homenaxe e facer esta exposición na nova Oficina de Turismo de Ribadeo. A exposición abrirase o 14 de febreiro, ás 6 da tarde, coa presenza das autoridades municipais e estará ata finais de mes. Na presentación tamén contaremos  coa  colaboración desinteresada duns músicos de corda da Banda de Música de Ribadeo e coa presenza de xente vinculada ao entorno da arte no contorno de Suso Peña”.    
Dourado dixo que “nesta exposición estaremos todos os que convivimos e aprendemos con Suso e vai haber unha gama moi ampla, dende a escultura de Puchades e Caxigueiro, ata a fotografía de Fernando Paes ou Toni Deaño ou a pintura de xente coma Guerreiro, Vizoso, Mauro Leivas  e eu mesmo. Tamén haberá fotografías de Jaime Pola, David Peña, Diego Casado e unha amalgama de arte que dalgunha maneira tamén practicaba Suso Peña en todos estes campos”.
Celso Dourado subliñou que “Suso Peña é unha tremenda figura relevante do cómic e da historieta dos anos 60, 70 e incluso 80,  no mundo do cómic español. É dicir, personalidades como  Miguel Anxo Prado viñeron coñecer a Suso Peña a Ribadeo e el fixo unha achega tanto nacional no estado español, coma internacional a nivel de Europa. A obra de Suso Peña é tremendamente coñecida, aínda que caeu un pouco no esquecemento debido á decadencia do mundo do cómic e da historieta, pero o que é tremendamente relevante é o seu compromiso coa vila de Ribadeo. Que dicir ten a cantidade de obra que deixou tanto no campo do deseño, coma da ilustración, a fotografía, o retrato… En fin, é un campo inmenso, e de aí que os que o coñecemos e nos consideramos alumnos seus pretendamos que a súa figura non caia no esquecemento”.