A asociación cultural de Foz, A Pomba do Arco quere convidar a tódolos veciños e veciñas de Foz a participar o día 15 de febreiro, domingo, ás 21 horas, na Casa da Cultura do Concello de Foz a unha nova edición do seu famoso Touporroutou.
Segundo explican desde A Pomba do Arco “o evento estará dirixido e amenizado polo noso compañeiro Tono e os seus amigos, que declamarán, cantarán e recitarán tódalas coplas populares entregadas polos veciños”.
E engaden: “como queremos que este sexa un acto participativo e popular toda aquela persoa que queira escribir unha copla, para que sexa recitada no Touporroutou, tan só ten que escribila e depositala nunhas caixas que para ese fin foron colocadas nos seguintes bares de Foz: Muelle, Funcional, O Lar, Rambla, Chícaro, Regata, Acuario, Esquina, Anduriña, Leitón e May Ros. En cada un destes bares pódese depositar a copla e despois o día 15 ir escoitala coa voz e co humor de Tono e os seus amigos”.
Esta edición do Touporroutou tamén contará coa presenza das Pandereteiras da Subela, que amenizarán cos seus cantos este acto tan popular do Entroido de Foz. “Agardamos poder contar co maior número de asistentes e gozar, tal e como facemos todos os anos, deste novo Touporroutou”, din desde A Pomba do Arco.