A Casa da Cultura de Foz acolle este sábado, a partir das 20:00 horas, un concerto de fado en galego a cargo dos músicos Gonçalo Guerreiro e Dani Pais.

 

A Biblioteca Municipal de Foz organiza, en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, un concerto de fado en galego para este sábado, 15 de novembro, a cargo dos músicos Gonçalo Guerreiro e Dani Pais. O acto terá lugar ás 20:00 horas no salón de actos da Casa da Cultura de Foz  baixo o título Os sons do vento que pasa. Está dirixido a público de tódalas idades e, coma noutros actos anteriores organizados a través do programa de dinamización lingüística FalaRedes, a entrada será libre e de balde ata completar aforo. 

 

 

Con esta proposta da Biblioteca Municipal de Foz, o público en xeral poderá gozar da música en galego a través dun coidado concerto no que Gonçalo Guerreiro porá a voz e Dani Pais a parte musical e dixital. As cantigas deste espectáculo irán acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de numerosos xogos de luz que, conservando o encanto orixinal do fado, levarán aos asistentes a unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto a mozos coma a non tan mozos. Deste xeito, tal e coma explican dende a Biblioteca Municipal, o espectador poderá gozar dun directo melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor e do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado.