
O artista Juanel Ponte Forest entregou ao Museo do Mar, de San Cibrao (Cervo), un retrato de Sagrario Martínez López, mestra da antiga escola de San Cibrao que deu orixe ao Museo. O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, acompañado pola xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, recibiron a obra: un debuxo en carbón e xiz branca, que o artista mariñao realizou seguindo fotografías recentemente localizadas polas súas alumnas, a partir das pescudas realizadas polo persoal do Museo. O retrato situarase na sala de entrada do Museo do Mar, onde un pupitre e fotografías históricas lembran o uso orixinal do edificio, construído en 1931 co mecenado de Manuel Goñi Maíste e José María Montenegro, emigrantes na Arxentina, para albergar a escola unitaria, que contaba cunha parte feminina e outra masculina.
A obra, que o artista doou ao Museo, “contribuirá así a visibilizar as mulleres que protagonizaron a historia do edificio e de San Cibrao, outorgándolle o mesmo espazo de representación que ao daquela mestre da escola masculina, Francisco Rivera Casás. A iniciativa encádrase no traballo que se vén desenvolvendo nos museos da Rede Provincial para dar visiblidade ás mulleres e identidades ignoradas ou infrarrepresentadas na historia e na memoria colectiva, avanzando na transformación dos museos en espazos máis inclusivos e representativos da sociedade”, destaca a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A actividade no museo continuou coa inauguración da exposición fotográfica Palabra e memoria, resultado do traballo desenvolvido desde o IES Perdouro de Burela, no marco do proxecto Modelo Burela , sobre o uso da lingua galega na epigrafía funeraria do país. A mostra reúne imaxes realizadas por Pepa Losada, María Mon e Aida López, a partir da investigación e o traballo de campo realizado polo alumnado do centro para documentar o escaso uso do idioma neste ámbito e promover a súa recuperación.