O 23 de febreiro terá lugar en Foz un paseo polo río Centiño e visita á aldea Hobbit

Os focenses Ana Pena e David Val organizan este domingo 23 unha visita novidosa no municipio de Foz.

A mañá comezará cun paseo guiado polo río Centiño da man da guía turística Ana Pena (Guía tu día) no que se falará de historia, fauna e flora. Deseguido visitarase as Casiñas A Comarca, un poboado Hobbit feito a man polo seu ártifice David Val, que conta que "vivín toda a miña vida no campo e iso permitiume coñecerme ben. Sempre me guiei polo meu instinto e iso levoume por camiños singulares, como dar a volta ao mundo en bicicleta en solitario, escribir un libro contándoo ou agora emprender a creación dun poboado Hobbit". 

"O lugar é unha marabilla, todo está feito a man e con moito mimo, empregando diversos materiais naturais e recuperando oficios. Un punto de encontro de oficios e saberes de proximidade que está na súa fase final de construción", comenta Ana Pena.

David e Ana convidan a participar nesta xornada que xa ten as prazas cubertas para a quenda de mañá "debido á gran acollida que tivo esta actividade, cubríndose xa todas as prazas, decidimos abrir unha quenda de tarde ás 16:00 horas, polo que todo aquel que estea interesado pode facer a súa reserva no 654 99 68 57".