
O Concello de Mondoñedo, coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía, pon novamente en marcha a campaña de visitas guiadas á Cova do Rei Cintolo na campaña 2025. No presente ano comezan o día 1 de marzo, sendo visitas de fin de semana: venres, sábados e domingos, ofrecendo un grupo pola mañá (11 horas) e outro pola tarde (16 horas); ampliándose esta oferta durante a Semana Santa, na que se ofrecen visitas todos os días.
A partir do mes de abril as visitas serán en fins de semana e festivos ata o verán, no que xa serán todos os días da semana e engadirase un grupo máis na oferta, o das 18:30 horas.
As visitas turísticas lévanse a cabo na galería central da cova sobre un percorrido de 300 metros, que supón unha visita dentro da cavidade de 1 hora e 15minutos aproximadamente. Pídese para poder facer as mesmas unha forma física normal, isto é, non ter problemas de mobilidade, lesións ou problemas cardiorespiratorios.
É preciso facer reserva previa na Oficina de Turismo de Mondoñedo, a través do número 982.50.71.77 ou do seu e-mail, turismo@concellomondonedo.es.
É obrigado traer calzado cerrado con fondo de goma que evite esvaróns e recoméndase traer roupa que non importe manchar así como unha muda para despois da visita. Dende o Concello proporcionarase casco con iluminación, luvas de protección e un traxe desbotable para sobrepoñer á roupa, así como os complementos de hixiene axeitados para cada un destes elementos.
A idade mínima para entrar na cavidade é a partir dos 11 anos e o prezo da visita é de 20 euros por persoa.
No presente ano, tras a boa acollida dos anteriores, continúa aumentado a oferta da segunda modalidade de visitas á Cova, a da Zona do Río. É un percorrido máis longo e complexo, destinado a persoas cun nivel físico superior. Neste caso as visitas poderanse facer baixo demanda, calquera día da semana, previa reserva coa Oficina de Turismo, a través do número 982.50.71.77 ou do seu e-mail, turismo@concellomondonedo.es. A idade mínima para poder facer esta visita, de maior dificultade, é de 18 anos e o custo para este percorrido espeleolóxico de maior duración e dificultade é de 40 euros por persoa.