
O Concello de Cervo xa ten todo a punto para celebrar un Entroido “por todo o alto, con actividades e festa para todos os públicos que xirarán en torno a tres desfiles, que se celebrarán en Cervo, en San Ciprián e en San Román de Vilaestrofe”.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira Mali Méndez presentaron a programación xunto cos representantes das asociacións Airiños do Xunco e Mulleres Rurais As Espalladoras -colectivos que se encargan da organización dos entroidos de Cervo e de San Román, respectivamente- e tamén de membros da Comisión de Festas de Lieiro, que se encargará da venta de bolos preñados, sobremesas e pastelón no Entroido de San Ciprián, na Praza dos Campos; e da asociación de veciños de San Román de Vilaestrofe e da comunidade de Montes Veciñais, que colaboran no Entroido de San Román.
Os actos de Entroido comezarán o domingo 2 de marzo en Cervo, co desfile que partirá do CEIP de Cervo ás 18:00 horas ata a carpa instalada na Praza do Souto, amenizado pola Charanga Os Macanudos. Para máis información e para inscribirse no desfile os/as interesados/as poden chamar aos teléfonos 617.31.32.07 (Rafa) ou 629.95.17.61 (Raquel). O mesmo día do desfile tamén inscribirán unha hora antes de que dea comezo. Haberá premios aos mellores disfraces individuais, parellas, grupos e comparsas, que recibirán figuras de cerámica de Sargadelos e cestas con produtos típicos de Entroido; a continuación Dj Conxuro, poñerá os acordes á festa. As comparsas, que deberán estar integradas por máis de 8 persoas, que se anoten antes do sábado 1 de marzo recibirán unha cesta de produtos típicos de Entroido.
O martes 4 terá lugar o desfile de Entroido de San Ciprián a partir das 18 horas con saída da carpa instalada na Praza dos Campos e amenizado pola charanga Os Macanudos. Haberá 2.280 euros en premios aos mellores disfraces e comparsas. Ao remate do desfile amenizará Dj Tapy García. Ademais a Comisión de Festas de Lieiro terá un posto de venta na carpa instalado na Praza dos Campos de chocolate con sobremesas, pastelón e bolos preñados. As persoas interesadas en participar no desfile poderán anotarse na Casa da Cultura de San Ciprián, en horario de mañá desde o próximo luns, 17 de febreiro, e ata o martes 4 de marzo incluído; e recibirán vales de consumición nos establecementos hostaleiros locais e bolos preñados aqueles que se anoten antes do 1 de marzo. Aceptaranse inscricións ata unha hora antes do inicio do desfile, na Praza dos Campos, pero sen dereito a vales. Os participantes que desexen anotarse a partir das 17:30 horas do día do desfile quedarán excluídos do concurso, pero poderán participar igualmente na marcha. Os premios entregaranse na Praza dos Campos ás 21:30 horas; e todos os/as gañadores/as terán que recollelo co disfrace posto.
O sábado 8 péchase a semana de Entroido no Concello de Cervo co desfile de San Román, organizado pola Asociación Mulleres Rurais As Espalladoras, coa colaboración do Concello de Cervo, a asociación de veciños de San Román de Vilaestrofe e a asociación de montes veciñais. Será a partir das 22:00 horas no Pavillón de San Román de Vilaestrofe e estará amenizado polo Grupo La Bamba e Discomóbil Conxuro. Para formalizar a inscrición teñen habilitado o teléfono 656.272.802.
O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes “a desfrutar de cada unha das citas que se propoñen para estas datas, nunhas festas das máis alegres e coloridas do calendario”.