O Concello de Viveiro presentou a Crono Escalada Monte Castelo, un evento deportivo organizado pola Peña Lar Viveiro que se vai celebrar este domingo, día 22 de decembro.
Na presentación, que tivo lugar na Igrexa de Galdo, estiveron presentes varios membros da asociación deportiva, así como a alcaldesa, María Loureiro, e o concelleiro de Deportes do municipio, Jesús Fernández.
O evento comezará ás 10:00 horas do domingo na propia igrexa de Galdo, e chegará ata a ermida de Monte Castelo. Trátase dunha proba cronometrada coas modalidades BTT e Trail e xa hai 50 persoas inscritas en cada unha delas.
Os participantes da modalidade BTT percorrerán a pista que sube a Monte Castelo, e os da modalidade trail subirán correndo polo vía crucis. O percorrido é de 6 km para a modalidade BTT e de 3,5 km para a modalidade trail, cunha duración prevista de 20 a 30 minutos.
"Queremos animar á veciñanza a que aproveite estes últimos días para inscribirse, xa que se trata dunha proba moi especial a través dun entorno natural verdadeiramente privilexiado", sinala a rexedora.
"Xa hai máis de 100 persoas inscritas, polo que será un plan perfecto para pasar un domingo diferente practicando deporte e en contacto coa natureza", engadiu.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web de Champion Chip Norte, www.ccnorte.com