A EMMeD de Ribadeo representará "A Bela Adormecida" o 29 de novembro para o alumnado de primaria da vila e para as persoas usuarias do centro de día

Alumnado das especialidades de danza clásica e contemporánea da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo representará unha adaptación de A bela adormecida para o alumnado de educación primaria da vila e para as persoas usuarias do Centro de Día.

En total serán preto de 500 persoas as que se achegarán este venres, 29 de novembro, ao Auditorio Municipal Hernán Naval en sesión dobre, ás 10:30 e ás 12:00 da mañá. 

Segundo explica o responsable da EMMeD, Hugo García, “esta actividade achegará un pouco máis a danza ao público asistente, dándolles a oportunidade de ver unha función propiamente desta especialidade. Este tipo de espectáculos non son moi habituais na comarca, polo que consideramos que é unha boa iniciativa para continuar co seu crecemento”.

A concelleira de Educación e Cultura, Begoña Sanjurjo, subliña que “é un pracer ofertar este tipo de actividades aos centros educativos, como complemento á súa formación, e tamén ás usuarias e usuarios do Centro de Día, que pasarán unha mañá diferente”.