A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol, de Celeiro, cumpriu cen anos de historia e celebrará este centenario cunha exposición conmemorativa e unha serie de actividades que poñen en valor a súa rica tradición pesqueira e a identidade dun dos portos máis emblemáticos do norte de Galicia. Esta acción, financiada pola Xunta de Galicia, o Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro de A Mariña - Ortegal, está enfocada á promoción e difusión do patrimonio mariñeiro de Celeiro. A exposición inaugurarase o mércores 20 de novembro ás 11:30 horas no edificio social da confraría e será de carácter permanente. O acto é aberto ao público en xeral e contará con música en directo a cargo de Sons de Celeiro e un showcooking con degustación de pescada de Celeiro, convertendo a xornada nunha festividade que homenaxea a tradición mariñeira e a gastronomía local.
A través dunha selección de elementos históricos e culturais, a mostra invitará ao público a descubrir un século de historia e de traballo ininterrompido no mar. Esta mostra reflicte a evolución do porto e a importancia da súa actividade pesqueira no panorama autonómico e nacional. Entre as pezas destacadas, a exposición inclúe unha colección de maquetas de barcos feitos á man, entrevistas e testemuños persoais en paneis, un vídeo sobre a memoria viva de Celeiro e unha selección de fotografías antigas pertencentes ao arquivo da Confraría. Ademais, os visitantes poderán contemplar elementos únicos como a acta fundacional, a medalla de ouro e antigas máquinas usadas na actividade portuaria, que completan esta viaxe ao pasado.
Como parte do evento inaugural descubrirase un mareógrafo funcional construído con pezas en cerámica de Sargadelos. A día de hoxe o único en funcionamento está en Portugalete (País Vasco). A información dos reloxos de mareas foi clave para o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e para a seguridade das embarcacións, será instalado na contorna da Confraría como un elemento artístico e simbólico para a entidade, representando así a súa aposta clara pola valorización da tradición e o patrimonio pesqueiro de Celeiro.
A exposición permanente estará aberta ao público no horario habitual da Confraría e ademais realizaranse visitas guiadas gratuítas que permitirán aos visitantes coñecer de maneira máis profunda a historia e o patrimonio pesqueiro de Celeiro. Estas visitas guiadas, especialmente difundidas en centros escolares e asociacións locais, tamén estarán abertas a toda a poboación para descubrir as claves do sector pesqueiro da zona. O percorrido incluirá a visita á lonxa e ao porto de Celeiro, ao heliporto para coñecer o helicóptero Pesca 2 e á exposición permanente.
A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Celeiro leva cen anos traballando arreo pola preservación e fomento do patrimonio mariñeiro da zona. Con esta conmemoración reafirma o seu compromiso co futuro do sector pesqueiro e co legado que transmite ás novas xeracións. A historia dos seus mariñeiros, barcos e tradicións é a base sobre a que seguirá traballando, cunha mirada posta en continuar sendo un referente de traballo, cultura e identidade no mar.