A Adala Futura representa a obra Rosalía Café en Alfoz este sábado, 9 de novembro

O grupo teatral A Adala Futura representará a obra titulada Rosalía Café este sábado, día 9 de novembro, en Alfoz. Será na Casa da Cultura ás 20:00 horas.

É unha actividade incluída no Mes do Teatro organizado polo Concello de Alfoz, que explica: “o grupo de teatro de Fazouro (Foz) A Adala Futura, nacido no ano 2016 cando A Adala Teatro se embarcou nun proxecto pedagóxico para achegar o teatro aos integrantes máis novos da asociación, presenta a súa obra Rosalía Café, unha comedia para todos os públicos. Nesta obra unha rapaza de aldea decide marchar á capital para buscarse a vida montando un pub. No local terá unha clientela moi divertida e peculiar e cada día deberá facer fronte a un sinfín de conversas sobre temas moi diferentes. Por se isto fora pouco tamén recibirá a visita dos seus amigos da aldea. Pero estes amigos non encaixarán moi ben na capital polo que as risas estarán aseguradas”.