Camiño Escena Norte despide este xoves, 24 de outubro, en Viveiro a súa sexta edición con “Ada Byron: la tejedora de números”

A sexta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega este xoves 24, na Mariña lucense, ao seu fin. O Teatro Municipal Pastor Díaz de Viveiro acollerá a representación do espectáculo Ada Byron: la tejedora de números, unha proposta na que a compañía asturiana La Westia Producciones combina teatro e ciencia para dar conta da vida dunha das mulleres máis relevantes da historia da humanidade. 

A obra, dirixida a público adolescente e adulto, presenta a Ada Byron moi enferma, na cama, e que no seu delirio ve o seu pai morto (o poeta romántico lord Byron), con quen revisa a súa propia vida, na que as matemáticas adquiren un gran protagonismo. Nesa revisión vital, na que pai e filla se coñecen, xorden revelacións e reproches que fan cambiar a concepción que Ada ten da súa existencia.

O broche dourado desta sexta edición do Camiño Escena Norte vén acompañado, ademais, de numerosos galardóns. Así, Ada Byron: la tejedora de números foi recoñecida o ano pasado co Premio Jovellanos á Produción Escénica, mentres que neste 2024 acadou seis Premios OH! das Artes Escénicas de Asturias, entre eles, o de Mellor Espectáculo. 

As entradas (5€, 3€ prezo reducido) pódense reservar en rbg.cultura@viveiro.es ou no 982560162 de luns a xoves, en horario de 9 a 14 horas, e na billeteira do teatro  Pastor Díaz no mesmo día da función desde unha hora antes do inicio.