A concelleira da Aula Universitaria da UNED de Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, veñen de presentar a programación formativa para o mes de outubro, inaugurando así o calendario académico da Aula. Deron conta de catro novas actividades, para as que está aberta a inscrición, e que son cursos de psicoloxía, de francés básico e de primeiros auxilios pediátricos e unha xornada de limpeza con voluntarios na praia da Rapadoira.
Para comezar propoñen participar nun curso de psicoloxía, Querida esixencia: de neno bo a adulto perfecto, impartido por Alba Burundarena. Muiña apunta que “é unha psicóloga focense que conta cunha ampla experiencia na docencia de cursos deste ámbito nesta Aula e sempre deseña formacións moi demandadas e exitosas”. Será unha formación unicamente online e levarase a cabo os mércores do mes de outubro.
Como xa vén sendo habitual, a inauguración do curso na Aula Universitaria da UNED de Foz ven da man dos idiomas, nesta ocasión cunha formación de Francés Básico, en concreto do nivel A2, que celebra a súa terceira edición. As clases terán lugar os mércores de 17 a 20 horas. “É de recibo contar con formacións demandadas pola veciñanza e os resultados están á vista cando as propostas suman varias edicións ás costas. Se algo funciona e se precisa debemos traballar arreo para ofrecelo”, indica a concelleira da Aula.
Tamén continuando a liña formativa do curso pasado, vólvese a ofrecer o Primeiros Auxilios Pediátricos, da man de Camilo Vázquez, enfermeiro e docente no ámbito das emerxencias. Impartirase do 8 ao 29 de outubro, os martes de 17 a 20 horas. “Esta actividade combina a ensinanza de coñecementos teóricos e prácticos. Ademais o docente ten un longo percorrido na ensinanza deste ámbito profesional, trae material e involucra ao alumnado conseguindo sempre unha aprendizaxe activa e moi motivadora”, explican as dúas responsables.
“Para rematar o día 28 de outubro está programada unha actividade de limpeza simultánea de praias, organizada por ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia. Esta xornada de voluntariado ambiental ten o propósito de concienciar a sociedade na loita contra a contaminación mariña. Queremos traballar a prol da divulgación mediambiental e continuar a pegada do proxecto que dende o centro asociado de Lugo se lanzou baixo a denominación #LugoNaturalmente”, indica a coordinadora da Aula. Ao que a concelleira engade: “están chamados a participar nesta actividade e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, os concellos do litoral e todas as persoas particulares. Isto fixo que o IES de Foz, a Aula Universitaria de UNED e o Concello se sumaran conxuntamente á iniciativa”. A limpeza será na praia da Rapadoira e a ela asistirá alumnado do instituto da vila e todo aquel que se anote como voluntario na actividade da UNED.
Finalmente recordan que o período de matriculación da UNED segue aberto ata o día 22 de outubro e invitan á poboación “a achegarse á Aula e informarse sobre os distintos servizos e recursos educativos que se ofrecen dende Foz”, comenta Elena Martínez. Marta Muíña apunta que “a oferta de graos universitaria é moi ampla, pero ademais tamén contamos co curso de acceso á universidade para maiores de 25 e 45 anos”.
Para obter máis información sobre calquera delas pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982.133.699, no WhatsApp 604.034.549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.