O 21 de setembro haberá un roteiro interpretativo en Santo Estevo do Ermo

A asociación Adega anuncia: “o sábado 21 de setembro realizaremos un Roteirríos na Mariña Lucense. Roteirríos é un programa de itinerarios que pretende unir ríos e persoas nun ambiente lúdico e que se desenvolve dentro do Proxecto Ríos. Achegarémonos a coñecer a contorna do Regato de Santo Estevo de Ermo, un dos principais afluentes do río Masma. Poderemos coñecer e observar os valores naturais e patrimoniais que ofrece este enclave, así como as accións de custodia do territorio que desenvolven as entidades Mariña Patrimonio, Fundación Eira da Xoana e a Irmandade de Santo Estevo”.

Tamén explican: “entre as actividades previstas, ademais do roteiro, faremos unha visita á finca de custodia; achegarémonos á ermida de Santo Estevo do Ermo e á fervenza; tamén aproveitaremos para realizar unha inspección do Proxecto Ríos e coñecer o estado de saúde do rego, así como unha recollida dos residuos que vaiamos atopando. Durante a actividade aproveitaremos para recoller lixo no marco da XVII Limpeza de Ríos de ADEGA, Móllate polos Ríos”.

Esta actividade é gratuíta, máis é preciso inscribirse. Está financiada por Augas de Galicia e colaboran Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e Irmandade de Santo Estevo.