A coordinadora da UNED de Foz, Marta Muíña, e a concelleira da Aula, Elena Martínez, anuncian unhas Xornadas de Portas Abertas, “unha oportunidade única para que a comunidade coñeza de preto a oferta formativa e as instalacións do centro. O evento, que terá lugar do 23 ao 27 de setembro, de 9:00 a 11:00 e de 15:30 a 20:30 horas, está dirixido a estudantes potenciais, familias e calquera persoa interesada na educación a distancia”.
A concelleira Elena Martínez explica que “estas xornadas son unha excelente oportunidade para que os interesados descubran todo o que a UNED Foz ofrece. O obxectivo é dar a coñecer a oferta formativa e a súa metodoloxía semipresencial”.
A coordinadora da aula indica que “durante as Xornadas de Portas Abertas os asistentes poderán participar en sesións informativas sobre os diversos programas de acceso, grao, idiomas e posgrao dispoñibles. Ademais, haberá oportunidades para interactuar co persoal académico e administrativo, quen estará dispoñible para responder preguntas e proporcionar orientación personalizada.”
A UNED ofrece unha ampla oferta formativa en diversas áreas de estudo, destacándose pola súa flexibilidade e polo apoio personalizado ao estudantado. “As Xornadas de Portas Abertas son parte do esforzo continuo da UNED por achegar a educación superior a todas as persoas, independentemente das súas circunstancias persoais ou profesionais”, asegura Elena Martínez. Ao que engade: “dende o Concello vemos moi vantaxoso o feito de que a UNED se dea a coñecer e se mostre á veciñanza, pois o que se busca é estar preto da sociedade”.
Ambas recordan que o período de matrícula está aberto ata o 22 de outubro de 2024. Os interesados poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través da páxina web da UNED e asesorarse sobre calquera cuestión na secretaría da UNED Aula Universitaria de Foz, situada no IES de Foz ou chamando aos teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549.