Cervo será o sábado 7 de setembro o escenario da II carreira de Andadura que se celebrará na pista ecuestre recentemente construída na zona da Bidueira. A competición, que arrincará ás 10:30 horas pola mañá e ás 16:00 horas pola tarde, foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés; polo edil de Zona Rural, Adrián Arias; e por unha representación da asociación Cabaleiros da Bidueira, que organiza a cita cabalar coa colaboración da administración local.
A proba arrincará ás 10:30 horas e irán sucedéndose as carreiras nas diferentes categorías. Haberá case 2.000 euros en premios, ademais de trofeos e medallas. Tamén recibirá trofeo o xinete que consiga bater o mellor rexistro da pista, fixado en 29,76 segundos. O prazo para anotarse remata o 4 de setembro e as persoas interesadas poden facelo por whatsapp no 658.03.20.19.
Tal e como recordan desde o Concello de Cervo, a iniciativa de construír esta pista, que supuxo un investimento superior aos 40.000 euros procedentes das arcas municipais, naceu da comunicación con estes rapaces afeccionados ao mundo cabalar, cunha gran tradición en Cervo.
Grazas á sinatura dun convenio por parte da Comunidade de Montes e o ente municipal, no que a Comunidade cedeu os terreos para a súa construción e o Concello aportou o financiamento pertinente, "conseguimos crear un espazo apto e seguro para a equitación dentro do noso concello cheo de vida”.