O Concello de Xove e a asociación de festexos Montevelle presentaron o programa oficial das Festas do San Bartolo e da Virxe do Carme, que terán lugar entre o xoves 29 de agosto e o luns 2 de setembro. Estes festexos contarán cunha ampla variedade de actividades para todas as idades.
O xoves, 29 de agosto, ás 20:30 horas darase inicio ás festas cun pregón no Salón de Actos a cargo de Lolita Barro, mestra en Xove durante moitos anos.
O venres, 30 de agosto, a partir das 20:00 horas celebrarase unha Sardiñada Popular animada pola Charanga NBA. Os tíckets estarán dispoñibles a 3 €. Pola noite, gran verbena coa actuación da orquestra Solara e o grupo América.
O sábado, 31 de agosto, pola mañá, pasarrúas coa Banda Naval de Viveiro e os cabezudos da Asociación Cultural Saíñas. Ás 13:00 horas haberá misa solemne cantada polo Coro de Cervo e procesión acompañada pola Banda Naval de Viveiro. A continuación, sesión vermú coa orquestra Pontevedra. A partir das 20:00 horas no Pavillón de Deportes actuación da Asociación Cultural Saíñas e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio (Pontevedra). Pola noite, gran espectáculo de fogos de artificio e verbena coas orquestras Pontevedra e Charlestón. Para rematar a xornada, Disco Móbil Conxuro.
O domingo, 1 de setembro, pasarrúas coa Banda CC.TT. Ntra Sra de la Misericordia pola mañá. Ás 13:00 horas misa solemne amenizada pola Orquestra Clásica de Xove e a Escola Municipal de Música de Xove, seguida dunha procesión coa Banda CC.TT. Ntra Sra de la Misericordia. A continuación, sesión vermú coa orquestra Trébol. Pola noite, verbena coas orquestras Trébol e Satélites.
Por último, o luns, 2 de setembro, a partir das 17:00 horas na Praza do Concello, celebrarase o Día da Infancia, con inchables para os máis pequenos.