O concello de Cervo ten na tardiña deste sábado, 3 de agosto, unha cita co mundo do motor. Así de 18:30 a 19:30 horas terá lugar unha exhibición de coches clásicos na zona do peirao de San Ciprián e na subida ao Faro, organizada por Autoclásico da Mariña Lucense, coa colaboración do Concello, na que participarán máis de medio cento de vehículos antigos das décadas dos 60, 70 e 80.
O Concello de Cervo anuncia que “na concentración tamén participará Santi Martínez, experto neste mundo que publica contidos na súa canle especializada de Youtube “Documentos del Motor”, e que asistirá á cita a bordo do seu Citröen CX GTI, un modelo que este ano celebra o seu 50 aniversario. Como curiosidade, as persoas que se acheguen esa tarde ata o peirao poderán ver un Renault Gordini, coñecido como o coche das viúvas, porque tal e como contan, a súa inestabilidade nas curvas provocaba accidentes mortais, e as mulleres dos falecidos herdaban os coches. Ou tamén se poderá ver un Simca Ariane, un modelo que tan só se fabricou nos anos 1965 e 1966. Así que xa sabes, se che apaixona este mundo ou simplemente tes curiosidade por ver estas xoias clásicas, achégate na tarde no sábado ata o peirao de San Ciprián”.