A directiva da agrupación Cultural Francisco Lanza informa que do xoves 18 ao sábado 20 de xullo celebraranse as XXII Xornadas de Historia Local. Esta edición estará dedicada á actividade no Porto de Porcillán, abordando tarefas tanto a nivel tecnolóxico, coa construción de navíos, como a nivel comercial, coa intensa actividade mercantil desenvolvida polos nosos barcos no norte de Europa.
O presidente da agrupación, Farruco Graña, explicou que “contaremos coa presenza de dous conferenciantes: Joam Carmona Badia, catedrático de Historia e Institucións Económicas da USC e Alberto Paraje, veciño de Ribadeo e gran coñecedor da nosa historia que xa colaborou en anteriores Xornadas de Historia Local”.
Os eventos terán lugar no Salón de Actos da Casa do Mar, en horario de 20:30 a 22:30.
Graña contou que “o 18 de xullo Joam Carmona Badia abrirá as Xornadas coa charla Riga-Amsterdam-Ribadeo: a idade de ouro do comercio ribadense. O venres 19 de xullo Alberto Paraje presentará a súa conferencia O estaleiro de galeóns de Ribadeo. O sábado 20 de xullo, nun horario especial ás 13:00 horas, organizaremos unha viaxe pola ría de Ribadeo. Durante esta ruta, comentaremos os principais puntos de recollida de madeira que foron clave para o desenvolvemento da actividade nos estaleiros ribadenses. A travesía contará cun límite de 34 prazas e o prezo oscilará entre os 10 e os 20 euros aproximadamente. Para inscribirse ou obter máis información, as persoas interesadas deben enviar unha mensaxe por WhatsApp ao número 699 809 606, indicando nome e apelidos e o comentario Viaxe Xornadas Historia Local. O pago do billete realizarase ao embarcar”.
Farruco Graña, presidente da A.C Francisco Lanza, agarda contar coa presenza de todos e todas “nunhas xornadas que prometen ser de gran valor histórico e cultural”.