A parroquia de Carballido, no municipio de Alfoz, celebra a súa tradicional Feira do Trece este sábado, 15 de xuño
A organización explica que “este ano a feira de gando estará condicionada polas restricións pola lingua azul, e non poderemos contar con gando vacún, ovino e caprino. En cambio está a subir o número de gandeiros que reservan curro para gando cabalar. Serán premiados os 4 gandeiros que máis número de cabezas aporten á feira, ademais dos 2 mellores cabalos ou bestas de montura e tamén de tiro. Contaremos con aproximadamente medio cento de postos de mercado, nos que poderemos atopar de todo tipo de produtos, incluído o estrela desta feira antigamente: as cereixas.
Tamén anuncia que “haberá proba de andadura puntuable para o campionato da Federación Hípica Galega, na que contaremos con máis dun cento dos mellores cabalos de andadura do noso país participando nesta proba, que terá lugar entre as 11 e as 13:30 horas e a partir das 16:00 horas”.
No apartado musical “teremos á Asociación Folclórica Arco da Vella para deleitarnos a todos con música e baile tradicional dentro do programa Tradigalu 2024. Contaremos co dúo Belinda para amenizarnos a sesión vermú e a verbena con música de todos os estilos, especialmente de baile. Tamén haberá un tardeo movidiño da man da discoteca móbil Conxuro, que ademais fará o fin de festa ata ben entrada a madrugada”.
Ademais a organización engade que “durante a sesión vermú sortearemos agasallos entre os asistentes” e “poderase xantar ou cear na nosa carpa o xa menú típico, composto de callos ou empanada, churrasco, chourizo, pan, viño ou auga e café. Haberá tickets á venda na propia feira no posto da asociación, non é necesario reserva previa”.
Tamén destacan que haberá “amplos aparcadoiros. Este ano habilitamos tres: un amplísimo pensado para o público en xeral na situación habitual, un aparcadoiro para os participantes da proba de andadura ubicado nas proximidades da saída da carreira e outro para gandeiros, a carón da feira de gando”.