Barreiros programa para este mes de maio teatro, obradoiros, concertos, unha xornada sobre a velutina e o Mercadiño na Primavera

O Concello de Barreiros presenta as súas actividades para o mes das letras. A programación de maio comeza este sábado, día 11, coa obra de teatro “Trepa, Tripa e Tropa”, do grupo O Centiño. Será ás 19horas no Centro Sociocultural de San Cosme.

A fin de semana do 17 de maio haberá un obradoiro de ilustración para crianzas; o Concerto das Letras Galegas das agrupacións barreirenses (Coro Airiños do Mar e O Arco da Vella Infantil); unha xornada formativa sobre a velutina e o Mercadiño na Primavera.

No domingo 26 volverá o recital poético musical “Versos na Baixamar”, no que tamén actuará a orquestra infantil do Sinfónico no Rural, na que participan nenos e nenas de Barreiros.

E o peche do mes será cun concerto didáctico dirixido aos centros de ensino que levará a cabo a Escola de Música de Foz o mércores 29.

A alcaldesa, Ana Ermida, sinalou que se trata dunha “programación variada e atractiva para todos os públicos, onde podemos atopar ocio e aprendizaxe, ao tempo que se pon en valor o traballo realizado por colectivos e persoas do concello.” Deste xeito, quixo “agradecer a colaboración de todos os colectivos cos que a colaboración fai que se poida gozar dun Barreiros vivo e cheo de actividades coas que poder disfrutar durante todo o mes de maio para promocionar e poñer en valor a cultura”.