As actividades da XLIV Festa da Troita desenvolveranse na Pontenova os días 30 de abril e 1 de maio.
O martes 30 de abril ás 19:00 horas inaugurarase a escultura da troita máis grande do mundo e media hora despois as novas pedras de honra no Paseo do Pescador. Para as 21:00 horas está programada a entrega de varias distincións e media hora máis tarde no salón de actos da Casa da Cultura terá lugar o pregón a cargo de Odile Rodríguez de la Fuente, que é a presidenta da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente. Ás 22:00 farase a apertura da caseta e degustación de troitas e empezará a verbena amenizada polas orquestras Cinema e Capitol.
O 1 de maio ás 09:00 horas comezarán os concursos de pesca, que rematarán ás 13:30, hora á que empezará unha macro sesión vermú coa orquestra Trébol. Ás 14:30 horas disputarase o III Campionato de Billarda Festa da Troita e ás 18:00 horas entregaranse os trofeos no salón de actos da Casa da Cultura.
A Festa da Troita da Pontenova, que está declarada de interese deportivo nacional e festa de interese turístico, organízaa o Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) de A Pontenova coa colaboración do Concello e da Deputación de Lugo.