O Centro de Formación Ocupacional do Concello de Burela vai impartir desde este mes de abril un curso de “Dinamización de actividades de tempo libre, educativo, infantil e xuvenil”, dentro da programación de accións formativas dirixidas a persoas desempregadas do plan formativo para o emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.
Este curso permite o obtención do certificado de profesionalidade que acredita o conxunto de competencias profesionais para o desenvolvemento da profesión no ámbito laboral.
Dentro da súa programación contempla un período de prácticas profesionais en empresas. As persoas que participen teñen acceso a un conxunto de axudas e bolsas para a súa realización.
“Trátase dunha actividade de formación para impulsar a empregabilidade e a inserción laboral dos nosos veciños e veciñas”, explicou a alcaldesa de Burela, Carmela López.
O curso terá 328 horas lectivas e os requisitos de acceso son contar coa ESO ou equivalente.
Máis información no Centro de Formación Ocupacional Concello de Burela, que ten a súa sede na avenida Arcadio Pardiñas, 137, Entrechán. O teléfono de contacto é o 982 580 624. Mail: cfo@burela.org