Xa está todo listo en Foz para a celebración das Santas Tapas do 28 ao 30 de marzo e para unha nova edición do Comercio na Rúa os días 27, 28 e 30. Ambas actividades están organizadas por AciaFozCCA.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explicou que “a cita gastronómica denominámola Santas Tapas. Os pequenos bocados elaborados polos locais participantes poderanse degustar tanto ao mediodía como pola noite”. Trátase de: Anduriña, Augas Santas, Bar 78, Dandy, Los Dulces de Delphin, Mexideli e Xoyma.
Paleo dixo que “o que pretendemos é contar cun aliciente gastronómico para o disfrute da xente que ven pasar a súa Semana Santa a Foz ou a outras localidades próximas. Levamos moitos anos organizando a ruta de tapas, que sempre tivo unha grande acollida na clientela, e agardamos que as Santas Tapas tamén sexan un reclamo”.
O presidente de AciaFozCCA contou que “tamén os días 27, 28 e 30 de marzo volve un clásico para nós como é o Comercio na Rúa. Nesta nova edición Fóra Stocks danse cita máis de trinta comercios da nosa vila, que ofrecerán promocións e descontos moi interesantes durante esas xornadas”.
En Fora Stocks participan: 5 Lobiños, Alain Afflelou, Antigüedades Álvarez, Arrullos, Briz Peluquería, Calzados Pirde, Cenor Belianorte, Chinela Nenos, Chuvia, Decoraciones Pura, Don Zapato, Ginzo Hombre, Ginzo Mujer, Hedra, Hola Ola, Isla, Koquetas, Librería A Rapadoira, Librería Bahía, Living Sport, Longarela, Lourdes Moda Íntima, Mercería Vera, Mi Casa, Midair Fashion Kids, Ofifoz, Thecé, Unique-2, Vas’s, Vas’s Outlet e Xoguetería Bahía.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, asegurou que “hai motivos dabondo para achegarse a Foz esta Semana Santa. Temos patrimonio cultural e paisaxístico e contamos cunha exquisita gastronomía e cun comercio moi importante. Quen se achegue estes días á nosa vila poderá gozar de toda esta interesante oferta. Poden vir pasear, ver as nosas praias, visitar a Basílica de San Martiño ou o castro de Fazouro, poden mercar e aproveitar para saborear as tapas. Hai que vir a Foz a vindeira semana”.
Na presentación destas actividades participaron o presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, o alcalde de Foz, Fran Cajoto, e a concelleira de Comercio, Kathy Navarro.