O complexo cultural RegalXunqueira, no municipio de Viveiro, acolle desde este venres, 1 de marzo, ata o 31 deste mes unha exposición de pinturas do artista Xolo titulada “Arte con Futuro”.
Xosé López Losada, de pseudónimo Xolo, naceu en Ourol o 8 de abril de 1967 e explica: “a arte é toda a miña vida. Comeza a miña carreira artística aos 5 anos. Aos 8 anos merco as primeiras acuarelas e fago unha copia dunha obra de Velázquez. En 8º de EXB gaño un premio de postais de Nadal no Concello de Ourol e outro de carteis do Día das Letras Galegas.
En 2º de BUP pinto os bastidores dunha obra de teatro. En COU pinto o mural das salas de audicións do Centro de ensinanzas integradas.No ano 1987 trasládome a Salamanca para estudar Belas Artes, onde conseguín matrícula de honra no primeiro curso de Universidade. A finais do segundo curso unha enfermidade mental impediume seguir pintando ata o ano 2005, que retomo a pintura. Esta vez moito máis en serio e fago varias exposicións con moito éxito. No ano 2016 trasládome á residencia de Saúde Mental A Mariña en Cervo, onde resido a día de hoxe. Aquí sigo dando renda solta á miña paixón polo arte”.
Nos últimos anos Xolo logrou premios en varios concursos e expuxo as súas obras en Viveiro, Santiago de Compostela, Burela e Cervo.