Os campionatos de baristas e cata de café do IES de Foz, que foron presentados este luns, celébranse dende o mércores 21 ata o venres 23 de febreiro. É a décimo sexta edición do campionato de baristas, o décimo primeiro campionato de cata e o décimo campionato de baristas profesionais. “Un ano máis superámonos e traemos 18 participantes de oito comunidades autónomas: Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, Castela e León, Madrid, Canarias e Galicia, incluídos dous centros de Educación Especial”, anuncia a organización.
“Isto non é traballo dun só día, nin dunha soa persoa; dende o IES de Foz sentímonos especialmente orgullosos da estreita colaboración que establecemos con toda a contorna na que traballamos, dende o IES San Rosendo, de Mondoñedo, que elabora os centros de mesa, ata a ACIA de Foz, que organiza un sorteo, aproveitando o campionato, entre todos aqueles clientes que degusten café na hostalería local, e sen esquecer, por suposto, ás administracións públicas”, engaden os organizadores.
O evento comezará o mércores ás 16:30 horas, coas primeiras intervencións, e remata o venres co Campionato de Profesionais.
O IES de Foz tamén explica: “seguimos co formato usado nos últimos anos: celebración no salón de actos do centro, degustación na nosa furgoneta no exterior do salón e, como novidade este ano, poderase probar o café que elaboren os participantes trala súa intervención. Ademais nesta edición contamos coa colaboración da Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, que en alianza coa Asociación de Cociñeiros de Lugo elaborarán receitas con peixe durante a degustación do xoves”.
Polo IES de Foz participarán Carmen Barba, na modalidade de Campionato de Cata, e Javier Carreño, na modalidade de baristas de escolas. “Desexámoslles toda a sorte do mundo e, sobre todo, que a experiencia lles sirva para enriquecer e completar a súa formación”, remata a organización.