O Concello de Foz leva dende o verán preparando un Nadal cheo de luz, actividades, sorpresas e doces. Este luns comezou a instalación do alumeado, que se fai por parte dunha empresa e de operarios municipais.
“Xa levamos unhas semanas revisando luces, colocando tensores, tirando cable,… Leva tempo preparar unha iluminación bonita e que poida sorprender aos veciños e visitantes”,explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto, quen engade que “en Foz o Nadal sempre é unha data especial, pero levamos uns anos volcándonos máis, poñéndolle un chisco extra, porque as caras dos máis pequenos son o mellor o día do acendido”
O venres día 1 de decembro está programado que comecen a brillar as luces, o bright friday ou venres luminoso. “Queremos facelo antes da ponte, para dar un aliciente máis para achegarse nos festivos de decembro e vir a pasear e a consumir en Foz”, comenta o alcalde, Fran Cajoto.
En próximas datas o Concello anunciará a programación de Nadal completa.