O Concello de Viveiro anuncia o comezo do programa de visitas guiadas que terá lugar ao longo dos fins de semana e festivos do mes de maio. A través dos percorridos polos distintos emprazamentos da contorna do Landro, darase a coñecer a importancia ecolóxica e cultural deste espazo de Importancia Comunitaria integrado na Red Natura 2000
En total son nove as xornadas con temáticas variadas pero un mesmo fío condutor. Deste xeito fanse complementarias.
As actividades teñen carácter gratuíto pero é preciso a reserva previa no correo electrónico: viveirovisitas@gmail.com onde tamén se pode consultar calquera información adicional como a distancia e a dificultade dos itinerarios.
“Animo a todos os veciños e veciñas a inscribirse e a participar. Trátase dunha forma moi didáctica de descubrir o noso patrimonio natural e cultural, un Viveiro que estamos acostumados a ver pero do que sempre podemos aprender curiosidades”, asegurou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
A axenda completa:
Sábado 6: Ruta dos Muíños de Balea (Saída da estación de autobuses ás 16:30 h.)
Domingo 7: Paseo fluvial do Río Landro (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.)
Sábado 13: Paseo por Galdo (Saída de Portochao ás 16:30 h.)
Domingo 14: Paseo pola Praia de Covas (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.)
Mércores 17: Paseo polo Casco Histórico (Saída da estación de autobuses ás 11:00 h.)
Sábado 20: Paseo polo Porto de Celeiro (Saída da estación de autobuses ás 16:30 h.)
Domingo 21: Percorrido por Trasviveiro (Saída do cemiterio de Landrove ás 11:00 h.)
Sábado 27: Paseo polo Souto da Retorta (Saída do aparcadoiro en Chavín ás 16:30 h.)
Domingo 28: Via Crucis do Monte Castelo (Saída do polígono de Landrove ás 11:00 h.)