Acisa Ribadeo pon en marcha a campaña De Ribadeo para mamá, coa que se pretende premiar ás veciñas e veciños deste municipio e da comarca por realizar as compras no comercio local ribadense de cara á celebración do Día da Nai. Esta campaña comeza o 28 de abril e desenvolverase ata o mesmo 7 de maio. Esa xornada a asociación repartirá flores entre as mamás polas rúas de Ribadeo.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, explica que “para esta campaña edítanse 10.000 rifas, que os clientes deben cubrir cos seus datos para entrar no sorteo dunha experiencia de desconexión para dúas persoas, doada por Viaxes Eroski; un bono de seis meses cortesía de BeOne; e 100 euros en vales de compra para consumir nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo. As rifas estarán a disposición dos clientes nas tendas asociadas, que se encargarán de custodialas ata a realización do sorteo, que se levará a cabo o día 10 de maio nas nosas oficinas, emitirase polas nosas redes sociais e posteriormente chamarase ás persoas premiadas para comunicarllo. As bases da campaña poden consultarse na web de Acisa Ribadeo”.
Cruzado Iglesias subliñou: “desde Acisa Ribadeo agradecemos a colaboración de Viaxes Eroski e BeOne, como doadores de dous dos premios desta campaña, que está financiada pola Xunta de Galicia”.
O xerente de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, anunciou que “como novidade neste ano e para dar un toque de cor nunha data tan singular e alegre, o domingo 7 de maio pola mañá repartiremos flores entre as mamás que atopemos polas rúas da nosa vila”.
“Queremos lembrar que Ribadeo ten unha ampla oferta comercial, e moi especialmente de tendas con numerosos artigos dirixidos a mulleres, onde poder encontrar o agasallo que estamos buscando para as nosas nais, sexa cal sexa a súa idade e para todos os gustos, coas mellores calidades e bos prezos. E ademais queremos animar á veciñanza a que celebre esa data tan especial na hostalería de Ribadeo, onde atoparán todo tipo de propostas para este festexo familiar”, rematou Jesús Pérez.