O Concello de Foz conmemora o 8 de marzo con diversas actividades baixo o lema A igualdade é progreso.
A concelleira Ana Rojo explica que “como cada 8 de marzo, o Concello de Foz, dende a Área de Muller e Igualdade, conmemora o Día Internacional da Muller, con varios actos e un programa de contido temático durante este mes de marzo. Comezamos este sábado, día 4, e o luns 6 cunha xuntanza titulada Café con igualdade e lecturas de muller, coa participación de mulleres focegas lendo a autoras feministas galegas e nacionais (Clara Campoamor, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, María Casares, etcétera) que loitaron polos dereitos das mulleres reivindicando o seu papel nunha sociedade patriarcal e machista, sendo adiantadas ó seu tempo. Cabe destacar a participación e colaboración dos cinco colexios de Foz (Fondo Nois, Cantel, Nº 1, Martínez Otero e O Pilar) cara ó 8M. O alumnado de cada CEIP de diferentes cursos está a facer un anaco de trapiño no que reflectirán a súa muller importante ou especial para eles ou elas, para despois ir creando unha alfombra de cor morada na que irán tecendo un gran lazo violeta cos nomes de todas as mulleres importantes no noso concello. Hai que destacar e reiterar, unha vez máis, a importancia da educación en igualdade, respecto e tolerancia dende os fogares e nas escolas en idades moi temperás”.
Ademais Ana Rojo anuncia que “o mércores 8 de marzo, Día da Muller, diante da Praza do Concello durante todo o día haberá un programa de actividades de sensibilización e un punto de información nunha carpa con son, atendida por varias animadoras, as cales solicitarán que a xente da rúa colabore escribindo a súa muller preferida para anudar ese lazo, remate da alfombra morada. A finalidade é que a cidadanía dea sentido e participe desa estrutura oca con forma de lazo tecido que comezaron os alumnos e alumnas, simbolizando así que todas e todos entendemos cal é a situación real das mulleres e cal é a nosa implicación nas desigualdades que padecemos. Volverán á rúa as bonecas violetas Voces na rúa, tendal de ideas que consisten en dar voz ós veciños que queiran participar propoñendo solucións, opinións e melloras de xeito público nun ambiente de proximidade, cor, música e pertenza ó grupo, co fin de que a cidadanía sinta que forma parte dun problema que é de todos e lle poña voz a través destas bonecas, cada unha co seu tendal de propostas, que a veciñanza irá colgando en forma de papel de cores, axudados polos nosos animadores, que obsequiarán ós participantes cun regalo do Concello. Remataremos cunha concentración diante do Concello, con lectura dun manifesto e a participación de varios alumnos dos colexios participantes na confección desta alfombra morada, símbolo da igualdade, do respecto, da tolerancia e na defensa dos dereitos das mulleres en todo o mundo”.
A concelleira de Muller e Igualdade engade: “cerraremos marzo coa representación teatral da compañía El vacío fértil, que ofrecerá a obra El Virus de la Violencia o xoves día 30 na Casa de Cultura Poeta Manuel María”.
“O Concello de Foz agradece a participación dos cinco CEIP de Foz, o profesorado, alumnos e alumnas, que colaboraron con nós en todo momento, entendendo a importancia da conmemoración, da reivindicación polos dereitos das mulleres e dunha democracia igualitaria e de progreso”, remata Ana Rojo.