Continente María, de Ainé Producións chega o sábado, 26 de novembro, ao Teatro Pastor Díaz, de Viveiro. A función dará comezo ás 20:30 horas.
Realizar un espectáculo sobre María Casares era algo que tanto o director Tito Asorey como a actriz Melania Cruz tiñan en mente desde hai máis dunha década. As circunstancias, tanto vitais como de produción, fixeron que deran o paso neste momento, no 100º aniversario do seu nacemento, sabedores de que sería óptimo para que fose recibida a súa proposta coa atención axeitada.
Esta montaxe pretende recuperar e homenaxear a figura de María Casares, achegándoa ao público, á vez que se vale da súa figura para falar da propia condición dos artistas nun mundo en continuo cambio, analizando escenicamente as nosas contradicións como país e como sociedade.
María Casares preséntasenos como un continente que ansiamos percorrer, establecendo unha cartografía emocional en base ás súas vivencias, pensamentos e recordos, viaxando a través dun diálogo entre o presente e o pasado para tratar de entendernos mellor como seres humanos creadores e habitantes dun mundo no que non hai tantos anos, os exiliados eramos os propios españois.
Reserva de entradas: 982560162 ou rbg.cultura@viveiro.es e tamén en taquilla o día da función a partir das 19.30 horas.