A Agrupación Cultural Francisco Lanza organiza, coa colaboración do Concello de Ribadeo, a vixésima edición das Xornadas de Historia do Local que se desenvolverán os días 16 e 17 de xuño. Intervirán como relatores: Alberto Paraje Méndez e Eduardo Gutiérrez, que abordarán diversos aspectos do arquivo municipal ribadense. As Xornadas foron presentadas polo presidente de Francisco Lanza, Farruco Graña, e polo concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, que estiveron acompañados por Dores Fernández, vogal da devandita Agrupación Cultural.
Farruco Graña dixo que “un ano máis nos xuntamos en Ribadeo toda a veciñanza para celebrarmos as Xornadas de Historia do Local que organiza a Agrupación Cultural Francisco Lanza e, se o ano pasado celebramos o cincuenta aniversario da nosa agrupación cultural, nesta ocasión estamos de aniversario, número redondo, posto que se trata da súa vixésima edición. Están dedicadas ao arquivo municipal e tituladas Ribadeo a través do seu arquivo municipal. Todos sabemos da existencia deste arquivo, pero moi poucas persoas probablemente o teñan visitado, a non ser xente especializada que fai estudos pormenorizados da nosa historia”.
O presidente de Francisco Lanza comentou que “con estas xornadas queremos dar un salto cualitativo no coñecemento deste arquivo e animar a todo o mundo a que o consulte porque agora, a través da páxina web do Concello, podemos coñecer o contido deste arquivo municipal e garántolles, por experiencia persoal, que hai consultas que son inmensamente interesantes. Para falarmos deste arquivo municipal contaremos coa presenza de Alberto Paraje Méndez ademais de Eduardo Gutiérrez, o noso cronista oficial, e vanse desenvolver o xoves 16 e o venres 17 deste mes. Os dous días con sesión de charla-conferencia ás oito e media da tarde no salón de plenos da Casa do Concello. O xoves 16 acompañaranos Alberto Paraje Méndez, é arquitecto técnico de profesión, pero un gran afeccionado á historia local. Ademais é secretario da Asociación de Estudos Históricos de Galicia e vainos falar, nunha clave tamén un chisco literaria, da nosa basílica que non chegou ser tal. O título do seu relatorio vai ser A catedral pantasma: unha viaxe ao Medievo dende o arquivo municipal de Ribadeo, co que o misterio e a emoción están garantidas nesta primeira charla”.
Farruco Graña seguiu a relatar que “o venres 17 acompáñanos o noso cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, co relatorio Luces e sombras do arquivo. Todo o mundo sabemos en Ribadeo da gran afección de Eduardo Gutiérrez polo noso arquivo municipal, temos lido moitísimas cousas no seu Ribadeo antigo e citado pola Agrupación Cultural Francisco Lanza e tamén recentemente noutro libro dedicado á memoria da muralla da antiga fortaleza, e nesta ocasión poderá sintetizar a súa experiencia lembrándonos esas luces e esas sombras que mostra o arquivo municipal de Ribadeo porque a historia cando foi feita con pequenos retazos sempre deixa eses claroscuros que unha persoa como Eduardo Gutiérrez seguro que nos botará luz sobre esas circunstancias que acompañan ao arquivo”.
E engadiu: “como sempre a Agrupación Cultural Francisco Lanza está facendo cultura por Ribadeo e por toda a súa veciñanza, foron cincuenta anos de historia e serán outros cincuenta aínda que moi probablemente xa outras persoas nos dean o relevo antes pero sempre co faro da cultura por diante. Queremos agradecer como sempre a boa disposición do Concello de Ribadeo a colaborar no noso traballo cultural e nesta ocasión ben se pon de manifesto organizando unha exposición do arquivo municipal ao mesmo tempo que se desenvolven estas xornadas de historia local”.
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, declarou que “para o Concello de Ribadeo sempre é un pracer poder colaborar coa Agrupación Cultural Francisco Lanza, unha entidade que traballa de forma continuada pola difusión da cultura galega e cunha notable actividade local. Esta visita guiada ao arquivo e á mostra documental vai ser realizada polo alumnado da especialidade de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos do obradoiro de emprego denominado Territorio Vivo, promovido conxuntamente polos Concellos de Ribadeo e de Barreiros e que está cofinanciado en máis dun 90% polo Fondo Social Europeo. As alumnas e os alumnos deste obradoiro están a levar a cabo un traballo de organización, de clasificación e de descrición dos fondos do arquivo municipal de ámbolos dous Concellos, do xeito que xa se viña facendo dende hai anos por parte do Concello de Ribadeo con obradoiros anteriores. Polo tanto, quero darlles as grazas polo seu interese e polo seu traballo, e por conseguir que as visitas guiadas complementen esta edición número vinte das Xornadas de Historia Local da Agrupación Francisco Lanza”.