A Delegación de Cultura do Concello de Burela anuncia que celebrará o Día do Neno o próximo 3 de xullo despois de dous anos sen poder realizarse. Nesta ocasión, non será no marco das festas patronais senón que a data trasládase ao inicio do verán.
Habilitaranse distintos xogos, inchables e obradoiros na praza da Mariña e na praza do Concello para goce do público infantil, ao que a área de Cultura quixo dar o seu espazo celebrando este día dirixido aos máis pequenos e pequenas das familias de Burela.
Segundo afirmou o edil de Cultura, Jose Díaz, “retomamos este día porque sabemos que durante as festas patronais non se puido facer, houbo que priorizar e por cuestións orzamentarias quedou pendente, polo que desde o concello ofreceremos o Día do Neno igualmente, nesta ocasión no primeiro domingo de xullo”. Díaz amosou o seu apoio á Comisión das Festas, “catro mulleres ás que felicitamos por todo o traballo que fixeron, por sobrepoñerse e superar todos os contratempos e por sacar adiante as festas cunha xestión que permitiu a miles de persoas gozar das patronais despois do parón tras a pandemia”.
Agora, co obxectivo de manter esta cita xa instaurada desde hai moitos anos, colocaranse en horario de mañá, de dez a dúas, os elementos de xogo, separando por idades. Así, na praza da Mariña concentraranse os inchables e obradoiros para nenas e nenos máis pequenos, e na praza do Concello para idades máis avanzadas. Jose Díaz convidou a todos os veciños a participar e desfrutar deste día, que acostuma ter unha moi boa acollida no municipio.