O Concello de Lourenzá en colaboración co club VespaFaba&Clásicos Lourenzá organizan unha aventura sobre rodas que levará o nome do municipio laurentino ata terras de Noruega, concretamente a Nordkapp. “Dous aventureiros do club de clásicos de Lourenzá emprenderán unha apaixonante viaxe a bordo dun coche Dyane 6 e unha moto Vespa 200 dende a Terra da Faba. A saída dos protagonistas desta aventura está prevista para este sábado, 28 de maio, ás 12:00 horas no Cantón. O venres a partir das 8:00 horas inaugúranse os actos da saída cun espectáculo dun globo aerostático cautivo (estático) no Campo dos Bolos, cortesía de Íkaro Globos (Asturias) que dará publicidade ao evento e que poderá verse ao lonxe, dende os concellos limítrofes”, anuncia a alcaldesa, Rocío López.
A rexedora municipal destaca que “esta acción de promoción turística levará a Lourenzá por outros lugares do mundo e mostrará os nosos atractivos patrimoniais, culturais, gastronómicos e paisaxísticos para atraer futuros visitantes. Non deixedes de seguir de preto esta aventura!
Embárcate con nós!”.
Rocío López remata agradecendo a colaboración nesta iniciativa de Club VespaFaba&Clasicos, Jorge Aguirre (Cirila), Ceferino (Vespa), Banda Música Lourenzá, Íkaro Globos, Cooperativa Terras da Mariña, Pitero e Agrupación de Protección Civil de Lourenzá.