Continuando coas actividades programadas dende a Concellaría de Servizos Sociais de Alfoz para as persoas maiores, que o pasado 22 de abril acudiron ao obradoiro "Exercicio e ocio saudable na terceira idade" está previsto que as persoas participantes no Programa ActivaMENTE asistan este mes de maio a dúas novas actividades.
A primeira será a Charla sobre prevención e mellora da seguridade das persoas maiores, que terá lugar o 19 de maio ás 10:30 horas e nela abordaranse cuestións como os roubos, estafas, formas de maltrato, riscos no uso de internet e as novas tecnoloxías, etc. Encádrase no marco do Plan Maior de Seguridade da Secretaría do Estado de Seguridade e realízase en colaboración coa Dirección Xeral da Garda Civil.
A segunda será un Obradoiro de musicoterapia, previsto para o 27 de maio ás 16:30 horas, a través do cal se pretende facilitar o benestar físico e emocional das persoas asistentes a través da música, animándoas a usar distintos instrumentos musicais para favorecer a súa creatividade e imaxinación e durante o cal se recuperarán cancións populares adecuadas ao grupo. Realízase en colaboración coa Escola Galega de Saúde.