Do 14 ao 22 de maio tera lugar a décimo quinta edición do concurso gastronómico Ribadeo de Tapeo.

Do 14 ao 22 de maio terá lugar o XV Ribadeo de Tapeo. Os establecementos hostaleiros que desexen participar neste concurso gastronómico teñen ata o 11 de abril para anotarse. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, contou que “este ano o Concello de Ribadeo retoma, despois desta época complexa derivada da crise sanitaria do covid, o famoso concurso gastronómico Ribadeo de Tapeo, que chega á súa décimo quinta edición”. 

O edil ribadense dixo que “este evento que viña colleitando éxito ano tras ano, é un escaparate e unha oportunidade para difundir a nosa gastronomía, ademais do bo facer dos profesionais da hostalaría ribadense.Converténdose esta cita nunha das mellores plataformas gastronómicas, un espazo onde compartir novas ideas e propostas desta cociña en miniatura e fomentar a nosa cultura da tapa, tan típica de Ribadeo. En definitiva, é un dos grandes atractivos da programación que pretende ser un revulsivo para a economía ribadense”.

O concurso dará comezo o 14 de maio e prolongarase ata o día 22 de maio. O prazo de inscrición para os establecementos hostaleiros remata o 11 de abril.

Vizoso Galdo explicou que “como novidade esta edición contará cunha fase previa. As semanas anteriores á celebración do evento gastronómico un/unha cociñeiro/a especializado na materia, degustará as tapas presentadas ao concurso. Este fase terá simplemente un carácter de intercambio de impresións da elaboración e presentación das propostas desta cociña en miniatura”. 
O prezo da tapa será de 2 euros.

Selección e premios do xurado 

A estes premios concorrerán todos os estabelecementos inscritos no concurso. A organización resérvase a posibilidade de realizar dúas quendas de selección. Unha primeira onde se escollerán os establecementos finalistas e outra quenda onde se escollerán os premiados. 

Premios do público

Como en edicións anteriores, concorrerán todos os estabelecementos inscritos no concurso e os gañadores serán elixidos polo público.

O concelleiro de Desenvolvemento Local subliñou que “os gañadores do concurso recibirán agasallos especiais e publicidade gratuíta ata a próxima edición de 2023, onde se indicará que as súas tapas foron premiadas, polo público ou xurado, na XV Edición do Ribadeo de Tapeo. Esta servirá para premiar o esforzo, iniciativa e profesionalidade dos nosos hostaleiros”.

Como en anos anteriores a celebración do concurso darase a coñecer a través da web http://turismo.ribadeo.gal/tapeo e nas distintas plataformas app para móbiles, redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) e crearase un Hashtag #Ribadeodetapeo22  para a difusión, a través das redes sociais do concurso, tapas e establecementos participantes. 

Os/as hostaleiros/as que desexen aclarar calquera dúbida podedes chamar á oficina de turismo do Concello de Ribadeo (982 128 689) ou escribir un email a turismo@ribadeo.org.