O Concello de Foz ultima os preparativos para celebrar a xuntanza dos maiores do municipio este sábado, día 26. O prazo para apuntarse remata mañá, mércores.
A concelleira de Servizos Sociais e Familia, Ana Rojo, explica que “o Concello de Foz está a rematar cos preparativos para celebrar o sábado día 26 a comida xuntanza en honra aos nosos maiores. É preciso sinalar que este evento no ano 2020 tívose que cancelar por motivos da pandemia, na previsión de contaxios, evitando así riscos innecesarios na propagación do virus. Despois destes dous anos tan duros de pandemia, sobre todo para a xente maior, agora que estamos todos vacinados da terceira dose e dado a baixa incidencia no noso concello, entendemos que debíamos retomar esta comida, como agradecemento ás persoas maiores do concello, recoñecéndolles a súa valía, polo que aportaron e aportan á nosa sociedade. Farase cumprindo, como sempre, os criterios establecidos pola Xunta de Galicia para este tipo de eventos: separación de mesas de 8 comensais, xeles hidroalcohólicos, toma de temperatura, mascarillas, etcétera”.
Ana Rojo engade que “o menú e totalmente gratuíto para toda aquela persoa empadroada en Foz maior de 60 anos xubilada ou que teña cumpridos os 65. A comida servirase na carpa instalada na explanada da Sala Bahía e o menú estará composto de empanada, callos, solombo en salsa con guarnición e, de sobremesa, tarta de crema e trufa e xeado, ademais de viño, auga, refrescos, café e chupitos. Ao remate da sobremesa haberá algunha que outra sorpresa e a continuación baile amenizado polo dúo Zafiro”.
A concelleira convida “a toda aquela persoa maior que cumpra os requisitos establecidos que se anime e nos acompañe na procura de pasar unha tarde agradable, no disfrute desta xuntanza. Para participar deben recoller as tarxetas a modo de invitación nas oficinas de Servizos Sociais, que están na Avenida da Ribeira, ou ben contactar a través do teléfono 982.13.35.66 ata o mércores día 23, data na que se pechará o prazo para anotarse”.