Tras a gran acollida o ano pasado, a Casa da Cultura volve a converterse nunha sala cinematográfica no que O gran camiño será a película encargada de inaugurar as proxeccións do Ciclo Premios Mestre Mateo, iniciando así unha andadura que nos achegará o mellor do cinema galego recente.
Oito proxeccións con periodicidade mensual e entrada de balde que arrancan neste mes co documental dirixido por Alba Prol e Raúl García.
O gran camiño narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta.
Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, e seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais, o filme foi recentemente recoñecido co Premio Abanca ao impulso da sostibilidade que outorga a Academia Galega do Audiovisual.
A concelleira de Xuventude, Gema Méndez Leivas, anima a todas as persoas a reservar xa a súa entrada para esta primeira proxección, a través do correo electrónico xuventude@concellodefoz.es ou do teléfono 982133037. Tamén poden enviar mensaxe directo a través das redes sociais do Concello: Facebook, Twitter e Instagram.
O sábado, 26 de marzo, ás 18:30h, na Casa da Cultura, sesión do mellor cine galego, con O gran camiño.