A Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo e os institutos de ensinanza secundaria Monte Castelo de Burela e Sanxillao de Lugo acollerán este xoves e venres a proxección de “Amnesia 3.0”, unha serie interactiva de ciencia ficción escrita e dirixida pola lucense Irene Pin.
Tras o visionado da produción, premiada no Festival Carballo Interplay e finalista ao Mestre Mateo á Mellor Serie Web 2020, o alumnado participará nun coloquio coa autora no que poderán abordar cuestións relativas á historia contada como ao formato.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “con esta proposta tratamos de achegar contidos en lingua galega á mocidade, fundamental para a nnormalizacio´n linguística, nun formato especialmente concibido para a linguaxe dixital que, polo tanto, ten un enorme potencial para conectar coas novas xeneracións” Ademais, subliñou, “estas iniciativas de difusión supoñen un apoio económico para proxectos de persoas mozas que apostan pola creación en galego”.
Maite Ferreiro agradeceu a colaboración do profesorado dos centros educativos nos que se realizarán as actividades, dirixida especialmente a aqueles con bacharelato de Artes.
Datas
Xoves 16 de decembro:
IES Sanxillao, Lugo
Venres 17 de decembro:
Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, Lugo
IES Monte Castelo, Burela
Sobre Amnesia 3.0: notas da cooperativa de produción audiovisual Aqueladas
Amnesia 3.0 é un thriller de ciencia ficción sobre a premisa básica dun mundo no que a xente non recorda. A historia achegábase a 265-C, unha moza que se ergue cada mañá para seguir o seu plan de actividades, sen recordar o que aconteceu onte. Até que un día Fiz e Lía entran na súa vida para estourar o seu mundo, tratando cunha tecnoloxía arcaica de facerlle lembrar. Ao tempo, as súas accións son perseguidas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.
A partir desta formulación, que se desenvolveu nos primeiros capítulos da serie, o público decide seguir a historia desde un ou outro itinerario, nos momentos en que as tramas se cruzan. As súas
decisións non mudan a historia, pero si como a percibe. Segundo o que escolla, hai cousas que verá ou non, intencións ou accións que entenderá doutro xeito.
A serie asenta así a idea de que o importante non é tanto o que che contan, senón como cho contan. E, sobre todo, quen.