O circuíto de teatro profesional Aparte da Vicepresidencia da Deputación de Lugo fai parada esta fin de semana na Mariña Lucense. O Auditorio Hernán Naval de Ribadeo acollerá dúas representacións da obra “Formigas no peto” de Ítaca Teatro, unha proposta innovadora e orixinal que une a narración oral co teatro de imaxes.
Este espectáculo fala da memoria individual e colectiva a través de varias personaxes moi recoñecibles e familiares vencelladas á nosa vida cotiá, desde as avoas ata nós mesmos, que camiñan polo Bazar da Memoria do protagonista. De xeito unipersonal narra, sente e viaxa por momentos e emocións da súa infancia, o seu fogar.
Na montaxe, a segunda da súa traxectoria, a compañía Ítaca afonda na capacidade do teatro para comunicar e transmitir emocións e dá un paso máis na experimentación con códigos contemporáneos. Así, presenta ante o público unha creación colectiva cunha dramaturxia propia realizada por Ana Carreira e José Campanari, baseada no traballo de narrador e de improvisación do protagonista, Carlos Rebolo.
A obra representarase o sabado 13 e o domingo 14 de novembro ás 20.00 horas coa colaboración do Concello de Ribadeo.
A través do circuíto de teatro profesional Aparte promovido desde a Vicepresdiencia da Deputación de Lugo, dez compañías iran ao longo do ano polos distintos concellos, con montaxes para todos os públicos. Ademais de Ítaca Teatro, participan na iniciativa Trécola, Titiriterra, Mircromina Teatro, Lîlâ Teatro, Ubú Teatro, Señor López Producións, Pínconús, Teatro baixo da area e A compañía solitaria do Dr. Monifate.