A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia e coa colaboración da Deputación de Lugo para a súa promoción, organiza as III Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que se desenvolverán as fins de semana do 29 ao 31 de outubro e do 12 ao 14 de novembro. Nesta ocasión estarán destinadas aos profesionais do turismo, da hostalería e do comercio da comarca, das axencias de viaxes e dos centros educativos de Galicia así coma ao público e xeral.
As III Xornadas de Portas Abertas discorrerán por parte dos 6 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense e inauguraranse o 29 de outubro na Pontenova no taller de Rodil, ferreiro participante deste municipio, cunha visita guiada da man do técnico de turismo municipal Carlos Morado. As Xornadas de Portas Abertas continuarán durante os días 30 e 31 de outubro, 12, 13 e 14 de novembro en Mondoñedo, Viveiro, Burela, Cervo e Foz.
As actividades son gratuítas e inclúen a visita a un ou dous obradoiros e ás propostas complementarias. Para participar é preciso reservar en turismo@amarinalucense.gal ou no teléfono 636.737.608, xa que as prazas son limitadas.
As persoas interesadas atoparán mais información en amarinalucense.gal na sección Rutas de Artesanía.
Segue A Mariña en Ruta
A quinta andaina deste outono de A Mariña en Ruta será o 30 de outubro por Riotorto.
A ruta será guiada por Pedro Rolle e Guido Álvarez. “Trátase dunha andaina de natureza de 3 horas de duración, na que se combinarán relatos históricos coa paixón polo medio ambiente. Será unha boa oportunidade para descubrir as Terras de Miranda, a historia dos ferreiros de Riotorto e unha contorna natural de fantasía literaria”, explican desde A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Para esta ruta xa non queda prazas libres.
A Pontenova foi a protagonista da ruta do pasado sábado, día 23. Nesta edición de A Mariña en Ruta elixiuse realizar a Ruta dos Fornos, de 4,5 quilómetros nun itinerario circular que antano unía os grupos de fornos das minas de Vilaoudriz e Boulloso. Os asistentes puideron coñecer a orixe da Sociedade Mineira de Vilaoudriz, o funcionamento do ferrocarril e descubriron a impresionante Mina Consuelo. A andaina seguiu polos barrios de Castelo e O Mazo e os seus característicos hórreos ata chegar ao antigo conxunto de fornos de Boulloso, un punto clave para entender mellor os laboriosos traballos da minería de metalurxia, grazas ás estruturas recuperadas do fornos de calcinación. Xa de volta á beira do río Eo os camiñantes fixeron unha parada na antiga estación de ferrocarril de Vilaoudriz, un magnífico itinerario que permitiu da man do guía Boris Vilar gozar de forma relaxada do patrimonio industrial e da natureza da Pontenova.
A Mariña en Ruta está organizada pola Mancomunidade de Concellos, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, para axudar á dinamización da comarca no outono.